Saturday 04 de May de 2024

Ovidio Rodeiro destaca a valentía de Pablo González e Diego Calvo no proceso que culminou coa fusión de Oza e Cesuras


O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na presentación do estudo realizado polo profesor de Economía e Empresa da UDC José Pablo Abeal

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na Deputación Provincial da Coruña na presentación do estudo sobre o proceso de fusión municipal dos Concellos de Oza e Cesuras realizado polo profesor da facultade de Economía e Empresa da UDC José Pablo Abeal. No acto tamén estiveron presentes o alcalde do municipio, Pablo González, e o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo.

Rodeiro agradeceu a invitación para que a Xunta estivese representada no acto “ao igual que estivo do lado dos concellos que dunha forma libre e voluntaria decidiron unirse, porque entendían que era o camiño máis lóxico para garantir da mellor forma posible o benestar dos seus veciños e veciñas”. “Gustaríame salientar a valentía que neses intres demostraron todos os implicados, dende a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, e os que eran os concellos de Oza e de Cesuras”, sinalou o delegado territorial, que personalizou nas figuras de Pablo González e Diego Calvo como impulsores do proceso.

“Nun tempo no que parece que o que se leva e falar de separar, de ir cada un polo seu lado, de poñer en valor o que nos separa, Oza e Cesuras, a súa veciñanza e os seus responsables políticos, apostaron polo contrario: por unir, polo sentido común, por traballar por e para todos e todas, por ser responsables e deixar os intereses particulares de lado, a prol do ben común, e aí, sempre contarán co apoio da Xunta de Galicia” rematou Ovidio Rodeiro.